Sunday 05 de May de 2024

Preto de corenta obras concorren ao V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro


A finais do mes de decembro darase a coñece-lo nome da obra gañadora do V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. O xurado terá que decidir cal dos preto de corenta orixinais presentados merece a distinción. Este tribunal estará composto por Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia; Xosé Antonio Neira Cruz, escritor e gañador de dúas edicións; e Encarna Pego, mestra e socia da A. C. Barbantia.

Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal xunto coa editorial e a entidade cultural xa referidas, o dito certame constitúe xa un referente no panorama galego que busca, ademais de homenaxea-lo escritor xa falecido, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e fomenta-la produción para inculca-lo hábito lector nas xeracións máis novas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), explica que o premio supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra.

Os galardóns recaeron nas catro anteriores convocatorias en Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar ao estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; e repetiu Neira Cruz, nesta ocasión, con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos.